Tradutor

Gran Canaria e Fuerteventura 2023

A finais de febreiro de 2023 Rafael Vázquez, David Dopereiro, Martiño Cabaña e eu empredimos unha viaxe dun fin de semana o arquipélago Canario, e máis concretamente a illa de Gran Canaria e a de Fuerteventura. O obxectivo era ver as seis especies de hérpetos endémicas distribuídas nas dúas illas, estando o sábado en Gran Canaria e o domingo en Fuerteventura, desprazándonos en avión entre as illas.

Saímos de Santiago de Compostela unha fría madrugada entorno ás 5 da mañán, para chegar a Gran Canaria sobre ás 7, hora isleña, cunha temperatura moito máis agradable.

Tras unha breve parada para almorzar e coller algo de enerxía fomos cara a primeira zona a bichear, unha fermosa caldeira volcánica moi soleada, chea de vexetación e con zonas de muros a xunta seca perfectos para atopar as primeiras especies da viaxe.

A primeira especie saiu moi rápido, tratábase dun Chalcides sexlineatus, e máis concretamente a subespecie que se atopa na parte norte da illa, onde nos nos atopabamos. Estaba debaixo dos restos dunhas chumberas, onde a terra estaba solta e o chan retiña algo de humidade. Nas illas estos animais coñécense coma lisas, e non e de extrañar, xa que as súas escamas son moi suaves e brillantes, recordando os esgonzos e lucións galegos.

Chalcides sexlineatus bistriatus, o primeiro hérpeto da viaxe, unha xolliña brillante e lustrosa.


Detalle do Chalcides sexlineatus bistriatus, onde se pode observar moi ben o tímpano e a súa forma en espiral, un animal moi elengante.

Segundo ía subindo o sol no ceo foi aumentando a temperatura e con ela a presenza dunha das estrelas da viaxe, o lagarto xigante de Gran Canaria (Gallotia stehlini). Asomábanse tímidos entre os muros que bordeaban a caldeira, primeiro comezamos vendo xuvenís, máis adiante algún exemplar adulto, e finalmente, foron aparecendo exemplares que nos fixeron entender o porqué do seu nome, eran auténticos xigantes!

Foron moitos os intentos para coller algúns exemplares e poder afotalos, pero entre o complicado do lugar e a velocidade dos animais foi realmente difícil. Grazas a paciencia e a habilidade de David e a experiencia de Martiño e Rafa puidemos coller exemplares de distintos tamaños que amoso a continuación, que fermosura de animal!


Exemplar subadulto de lagarto xigante de Gran Canaria (Gallotia stehlini), có seu hábitat de fondo.

Enorme exemplar de Gallotia stehlini, digno de chamarse lagarto xigante de Gran Canaria.

Despois do éxito na Caldeira, desprazámonos a capital da illa en busca de aprovisionamento e de paso, visitar un conxunto de parques na cidade onde se atopa introducida a Lagartixa de Madeira (Teira dugesii). Dicir que non foi sinxelo dar con ela nunha zona ateigada de xente, pombas e coches, pero tras un par de horas dimos cun par de exemplares que se deixaron afotar bastante ben.

Primeiro plano dunha lagartixa de Madeira no centro da capital de Gran Canaria.

Trala parada na capital desprazámonos cara o sur da illa, na busca da especie que nos faltaba por ver da illa, a tarentola ou perenquén de Boettger (Tarentola boettgeri), ademáis da subespecie sureña da Lisa de Gran Canarias (Chalcides sexlineatus).

Hábitat degradado do Chalcides sexlineatus na zona sur da illa.

Nesta nova zona puidemos apreciar que a vexetación era moito máis escasa e a illa presentaba paisaxes moito máis secos e desérticos, Tras un tempo buscando neste novo ecosistema dimos atopado as especies que andabamos buscando, polo que cós deberes feitos e a ilusión de ver novas especies comezamos coa sesión de fotos:

Exemplar adulto de Chalcides sexlineatus, onde se pode apreciar a intensidade da súa coloración, un espectáculo de animal.

Primeiro plano da Tarentola boettgeri, outro dos endemismos de Gran Canaria.

Esa noite e tras bastantes rogos pola miña parte conseguín covencer o equipo de revisar un par de zonas onde hai altas densidades da culebra real de California (Lampropeltis getula californiae) unha especie non autóctona e ademáis invasora que se adaptou moi ben o clima canario e que se alimenta na illa dos herpetos autóctonos, sendo ésta a primeira amenaza na súa conservación. Tras varios paseos por zonas moi húmidas e frías non vimos sinal algunha de actividade e dimos por rematado o día, tocaba durmir rápido e pouco para coller o avión a Fuerteventura.

Pequeno avión de hélices có que volamos entre illas, eramos uns 10 pasaxeiros e a azafata parecía a mestra vixilando dende o pasillo se os nenos se portaban ben.

A primeira hora da mañá do domingo xa estabamos en Fuerteventura, unha illa totalmente distinta a Gran Canaria, unha illa moito menos poboada, menos montañosa e moito máis seca, sendo a paisaxe predominante o deserto rochoso.



Deserto rochoso, a paisaxe típica do norte de Lanzarote, sen dúbida un hábitat moi duro pero cheo de vida.

Nesta illa os obxectivos eran tres, dous doados o lagarto atlántico (Gallotia atlantica) e o perenquén majonero (Tarentola angustimentalis) e un prácticamente imposible debido en primeiro lugar o seu delicado estado de conseración e en segundo os fallidos intentos de atopalo por parte de outras expedicións similares a nosa, trátase da lisneja (Chalcides simonyi).

Desprazámonos pola illa cara a súa parte norte, dando prioridade sempre a lugares onde estivese citado o Chalcides simonyi. Despois de varias horas buscando en zonas semidesérticas, atopamos bastantes exemplares do lagarto atlántico (Gallotia atlantica) e do perenquén (Tarentola angustimentalis), que se deixaron afotar con máis ou menos esforzo, pero nin rastro do simonyi.

Exemplar adulto de Tarentola angustimentalis nun dos seus hábitats predilectos, os desertos rochosos de Fuerteventura.

Tarentola angustimentalis vista dende un plano cenital.

Detalle da pata dun exemplar de Tarentola angustimentalis.

Cara o mediodía desprazámonos ó centro da illa, á zona de Betancuria, onde máis citas históricas hai da lisneja, segundo nos iamos achegando a esta nova zona a paisaxe foi gañando altura e tamén verdor, descubrindo sitios realmente fermosos e gañando esperanzas de ver a especie que se nos resistía, xa que lle gusta habitar en lugares con algo de humidade e vexetación.

Desprazándonos cara Betancuria puidemos desfrutar de vistas tan fermosas coma estas.

Acabamos chegando a un pobo con moito encanto e algo de turismo onde tiñamos un último intento de atopar o Chalcides, por loxística da viaxe non tiñamos máis intentos que nese lugar. Dividímonos para cubrir o maior terreo posible e comezamos a peinar varios cauces de torrentes secos, onde aínda había algo de humidade, vexetación e refuxio adecuados para unha especie tan esquiva coma a que estabamos a procurar. 

Despois de varias horas nas que vimos incontables exemplares de Gallotia atlantica e tamén algúns de Tarentola angustimentalis, viamos coma a hora se nos botaba enriba e non dabamos atopado o simonyi. Sentamos a recuperar folgos e a afotar un gallotia mentres decidiamos que facer, con poucas esperanzas xa de atopar a especie restante, estabamos tan preto...

Plano xeral dunha femia subadulta de Gallotia atlantica afotado nunha zona de deserto rochoso.

Detalle do rostro do Lagarto atlántico anterior.

Fermoso exemplar adulto de Gallotia atlantica do interior de Fuerteventura.


Primeiro plano do Gallotia atlantica anterior.

Martiño, David e eu estabamos a voltas cun Gallotia cando sentimos un berro de Rafa, que pedía axuda, foron canda él os meus compañeiros, mentres eu me quedaba custodiando o lagarto e as nosas pertenencias, ós cinco minutos, aparecen os tres cun sorriso de orella a orella e un cacharro de algo máis de 27 cm de longo na man, atopáramos o Chalcides simonyi!!

Tratábase dun exemplar moi vello e enorme, moito máis grande do que pensabamos podería acadar esta especie, foi unha alegría inmensa xa que posiblemente se trate dunha das especies máis ameazadas e difíciles de localizar de toda Europa. Quen sabe cantos exemplares sobreviven en liberdade ou se este é o último da súa especie? 

Rodeado de coches, estradas, construcións humanas e a menos de 10 metros de varios gatos este xigante endémico ten unha vida moi difícil e un futuro incerto.

Comparativa de tamaño do exemplar localizado cun teléfono móbil.

Antes de ir ó aeroporto para emprender a viaxe de volta fixemos unha parada nun dos lugares máis fermosos de toda a viaxe. Unha zona de bararrancos no medio dunha gran llanura que tiña no seu leito un rego de auga doce que xeraba un oasis de vexetación e vida animal no que atopamos moitas especies de aves e libélulas, algunhas delas endémicas, pero das que apenas puidemos desfrutar nada por ter que marchar ás presas a coller o avión de volta a casa.

Gran oasis no medio do deserto de Fuerteventura, pouco antes de coller o avión de regreso.

En definitiva, foi unha fin de semana moi intensa na que percorrimos dúas illas impresionantes e moi diferentes entre sí, cuns compañeiros de viaxe estupendos que levan todo organizado o milímetro para exprimir cada minuto da viaxe e que grazas a eles puidemos ver tódalas especies endémicas posibles e algún regaliño máis a maiores, deixo a continuación o listado de especies de hérpetos:


Réptiles

-Chalcides sexlineatus

-Gallotia stehlini

-Teira dugesii

-Tarentola boettgeri

-Tarentola angustimentalis

-Gallotia atlantica

-Chalcides simonyi


Anfibios

-Pelophylax perezi (canto) (especie non autóctona)


Especies non atopadas

-Lampropeltis getula californiae (especie invasora)

-Hyla meridionalis (especie non autóctona)