Tradutor

Os nosos anfibios cara a cara: as píntegas

Nos nosos anfibios cara a cara achegarémonos ao mundo destes pequenos animais, para coñecelos, diferencialos e sobretodo para darlles o valor e respecto que precisan, xa que moitas veces a base de supersticións e crenzas populares xerámonos unha idea equivocada deles (mala sorte, velenosos, perigosos, agresivos...). Son animais completamente inofensivos e só podería causar unha hipotética toxicidade se despois de manipulalos nos tocamos zonas sensibles coma os ollos ou os beizos, xa que se podería sufrir unha pequena irritación.

Gustaríame tamén engadir, que non só resultan inofensivos para o ser humano, senon que ademáis resultan beneficiosos, xa que son notables depredadores, fundamentalmente de insectos e invertebrados, ocupando un importante papel dentro do equilibrio dos ecosistemas.

Nesta sección do blog gustaríame que coñecésemos tódolos anfibios presentes na xeografía galega, pero dende un enfoque diferente, coñecerémolos de preto, a través da macrofotografía dos seus rostros. Así veremos e aprenderemos a diferenciar cada un deles grazar a detalles coma a pel, a forma e cor dos ollos, aspectos da cabeza, etc.

Anteriormente xa falamos dos sapos e das ras, polo que esta vez será a quenda das píntegas, un dos anfibios máis maltratados polo ser humano. En Galicia contamos con 2 especies diferentes de píntegas, sendo unha delas especie endémica, que tal e como amoso a continuación son:

Salamandra salamandra (píntega)
É a especie máis común, presente en prácticamente todo o territorio, pel lisa e brillante, de mediano a gran tamaño (ata 20 cm). Dorso negro máis ou menos manchado de amarelo, laranxa ou vermello. Patrón moi variable con varias subespecies.




Diferentes exemplares de píntega fotografiados en Galicia e no norte de Portugar con patróns claramente diferenciados.

Chioglossa lusitanica (saramaganta rabilonga)
Especie endémica do noroeste peninsular, ben distribuida ó longo da costa galega, máis escasa no interior, pel lisa e brillante, de mediando tamaño (ata 16 cm). Corpo alongado e esbelto, coa cola moi longa. Coloración dorsal de laranxa a dourada.


Distintos exemplares de Saramaganta rabilonga onde podemos apreciar o gran tamaño da súa cola e os seus detalles faciais.

Máis adiante centrareime en cada especie de anfibio a nivel individual, adicándolle unha entrada a cada unha das especies que temos en Galicia, para coñecer mellor as súas características individuais, comportamento, hábitat...

Por último dicir que tódalas fotos que aquí aparecen son feitas por min, có único fin de dar a coñecer a nosa fauna e flora, polo que agradecería a súa difusión, se alguén está interesado en utilizar as imaxes, pido que antes se poña en contacto comigo debio o tempo e esforzo invertido na súa realización.

Agardo que despóis deste pequeno resumo coñezamos un pouco mellor estos animais e que entre todos axudemos a súa conservación, vémonos na seguinte entrada!

Bibliografía:
Speybroeck, J., Beukema, W. y Bok, B., (2017), Anfibios y reptiles de España y de Europa. Barcelona, España, Ediciones Omega.
Masó, A. y Pijoan, M., (2011), Anfibios y reptiles de la península ibérica, baleares y canarias. Barcelona, España, Ediciones Omega.

Webgrafía:

www.vertebradosibericos.org
www.sghn.org